SON TODOS IGUAIS
É aínda feble a cultura política no Estado Español, non hai nada da suposta consolidación da Democracia e foi, por suposto, falsa a chamada Transición. Poderíamos citar ducias de exemplos que avalaran estas afirmacións, mais abonda con lembrar as máis recorrentes, como pode ser o sistema electoral, a Lei de Partidos, o bipartidismo esaxerado, a utilización dos medios públicos e o aproveitamento das institucións públicas para o enriquecemento privado. Esta última precisamente asolaga a actualidade política nas últimas semanas, a corrupción é un feito evidente e que está aí, case socialmente aceptado e oficializado precisamente por esa feble cultura política á que nos referiamos. Case resignada, a cidadanía ten como algo habitual que os dirixentes políticos poidan enriquecerse no exercicio da súa función pública.
Existe unha mínima cultura de esixencia social cara aos representantes públicos e téñense a estes como sospeitoso permanentes, algo que gañaron a pulso e por méritos propios. A linguaxe legal reserva varios termos para definir o que é corrupción e este delito non está socialmente considerado coa gravidade da que sería merecente. Inxentes cantidades de diñeiro público son desviadas dun ou doutro xeito a petos privados e nin tan sequera sempre se depuran responsabilidades políticas. Nos últimos tempos temos tido novas do saqueo de concellos por toda a xeografía estatal, de grandes redes tecidas á perfección para terxiversaren facturas e documentos oficiais sempre co mesmo fin do enriquecemento propio. A chamada trama Gürtel, a cidade de Marbella, o caso Palma Arena, Santa Coloma de Gramanet, subornos, tránsfugas, etc. Un panorama composto por relacións de poder e que ao que Galiza non é alleo.
Das distintas clases e motivacións que sobresaen quizais dúas, sen quitarlle gravidade a calquera outra. O escuro mundo do financiamento dos partidos políticos oficiais, con estreitas relacións coa banca, negocios de por medio, tratos de favor, nomeamentos e/ou ascensos con consecuencias, etc. Aí si existe un pacto non escrito polo que nunca se pulará por unha clarificación da normativa no que atinxe a esta cuestión. Todos están implicados e todos se benefician do baleiro legal e das tebras que escurecen esta cuestión.
A outra cuestión deriva directamente do modelo económico sobre o que España asentou o seu crecemento nos últimos anos. Excesivamente dependente da construción, o urbanismo adquiriu axiña importancia desmesurado e aquel que o rexía tiña un poder desorbitado. Moi especialmente nos concellos pequenos, onde o tráfico de licenzas e permisos é algo consolidade
e viso con normalidade pola poboación. A indefensión legal demóstrase porque aquí, ao contrario ca noutros delitos, si existe a presunción de inocencia e a demostración das irregularidades tórnase ás veces custosa por tratarse dunha loita desigual entre quen pode usar os recursos públicos dunha administración para defenderse. En Galiza, os concellos da costeiros especialmente foron nos últimos anos o reflexo das macrotramas dos municipios do Mediterráneo. A xerencia de urbanismo era o asento máis cobizado, as promotoras inmobiliarias e as construtoras experimentaron espectaculares medras de beneficios da noite á mañá. Así, chegado o declive do modelo económico, estas foron tamén as que primeiro quebraron. A corrupción asociada ao urbanismo e aos negocios inmobiliarios é posibelmente a estrela das manobras escuras institucionais. Concelleiros, alcaldes, construtores e donos de inmobiliarias confúndese en multitude de ocasións detrás de árbores xenealóxicos que moitas veces nos descobren parentescos sospeitosos, intereses familiares e mesmo á unha soa persoa á fronte de adxudicacións, licitacións e construcións de grandes obras. Curiosamente.
O enriquecemento privado por medio da política é algo tan común como descoñecido é o mundo das relacións de poder e intereses nos submundos. A aparición de tránsfugas, casos de sospeitosos cambios de voto que producen mocións de censura, nacemento e morte efémera de “partidos independentes” que grazas a unha manchada de votos son claves na formacións de gobernos municipais, etc. Todos estes ingredientes contribúen decisivamente ao descrédito social da política, que se resume na tan célebre frase de “son todos iguais”. E é que a corrupción non é propiedade dun partido, senón característica de todos. O resultado é a pasividade e a indiferenza da cidadanía, adormecida e en tempos coma estes preocupada de asuntos máis cotiás e inmediatos para a súa supervivencia, o que é a semente perfecta para que poidan seguir facendo, pois isto vese como algo inevitábel. Escúsanse na “condición humana” e xustifícanse dicindo aquilo de “nós si, pero vós máis”.
A desideoloxización das formacións políticas, o abraiante analfabetismo de cargos que toman importantes decisións, a variedade de especies que habitan a política sobre todo a nivel local fan que o obxectivo permanente dos partidos sexa o control do poder, a calquera prezo e por calquera método. Non existe unha confianza social xeneralizada no que chaman Democracia, pois á parte das eivas máis salientábeis están todas aquelas que nunha menor medida afectan diariamente á relación entre administración e administrado e que se consolidan como habituais.


Chúzao
del.icio.us
