Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

14/11/2009 GMT -1

MÁIS EXEMPLOS DESTA DEMOCRÁTICA XUSTIZA

augasceives @ 20:19

Estas primeiras semanas de novembro estannos a deixar máis exemplos da curiosa xustiza democrática española que padecemos neste País. Referímonos concretamente a dous casos de sancións económicas por parte da Delegación del Gobierno (como non?) contra catro mozos que hai agora catro anos retiraron o “L” da zona axardinada da Coruña que mantén o topónimo deturpado e máis contra outros dous participantes na “contramanifestación ridiculista” do mes de febreiro en Compostela.

 

O vindeiro luns dezaseis sentarán nos xulgados da Coruña catro mozos que se enfrontan a unha petición de sanción de 4800 euros e ano e medio de prisión. En novembro de 2005 corrixiron o adorno floral que hai na entrada da cidade e que mantén o topónimo deturpado suprimíndolle o “L” do principio. O Concello é o responsábel desa intolerábel apoloxía da ilegalidade que atenta contra o establecido e que segue a ser unha das principais bandeiras dos exterminadores da lingua. Polo seu significado, a deturpación toponímica é unha das características máis agresivas das políticas antigalegas que o Goberno da Xunta e o propio Concello manteñen da man. A defensa da lingua, coa verdade das leis (que eles mesmos deseñan e aproban) por diante é duramente castigada e perseguida por unha Xustiza que se considera que está para facelas valer. Unha mostra máis do atraso e das carencias democráticas que loce este Estado.

Por outra banda, dous mozos que durante a manifestación fascista do 8 de febreiro se atopaban polas rúas de Compostela disfrazados de toureiro un e de garda civil o outro enfróntanse tamén a sancións de 301 euros cada un. Aquel día, o españolismo trasladouse (en autobuses dende fóra de Galiza, literalmente) ás rúas de Compostela para facer o ridículo nunha mobilización minúscula contra o noso idioma propio. Perante tal agresión, sen precedentes, o movemento social galego respondeu organizadamente coa retranca e o ridiculismo, copiando as características máis propias do españolismo de hai medio século. A violencia policial contra os que aquel día estaban na rúa mais sen apoiar a manifestación fixo tamén parte do escenario. Mais nin os violentos servidores do Estado nin os violentos agresores do noso idioma reciben penalización ningunha.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis