AUTO-ORGANIZACIÓN POPULAR
Vén sendo o mes de Nadal dos últimos anos un tempo de mobilización e exemplo de auto-organización popular en Galiza. Dende o ano 2005 o deporte era motivo de axitación e identificación dun pobo coas súas cores con motivo dos encontros das Seleccións Nacionais de Fútbol, tanto masculina como feminina. Mais xa a comezos de mes, a plataforma independentista Causa Galiza vén dende hai uns anos chamando á mobilización coincidindo co aniversario da Constitución Española de 1978. Este ano, co PP na Xunta, volveron os tempos de negación dos nosos dereitos nacionais no eido deportivo. Siareir@s Galeg@s e Causa Galiza traballan xa no mes de Nadal coa ollada posta nas mobilizacións e demais actos do 26 e do 6 respectivamente.
Cos repugnantes anuncios por parte dos dirixentes políticos e da propia Federación Galega de Fútbol dirixidos a suprimir o encontro de Nadal de Galiza, a organización popular toma o relevo e
non se rende ante a desprezábel actitude dos novos gobernantes galegos e demais asoballados que ao seu redor lles bican os pés. O colectivo que tradicionalmente vén organizando e impulsando o seguimento nas bancadas dos equipos nacionais galegos, Siareir@s Galeg@s anuncia que está a traballar na organización dun encontro entre futbolistas galegos non profesionais e un combinado estranxeiro doutros que militan en equipas do País. Celebrando asembleas abertas por toda a xeografía galega e poñendo a traballar esa maquinaria imparábel que é a vontade do pobo, o 26 de Nadal no Campo de Santa Isabel (Compostela) habemos ter a verdadeira esencia das reivindicacións de oficialidade que sempre é o obxectivo no horizonte. Contra todas as dificultades e sen axuda ningunha, e coa colaboración dos propios futbolistas, celebrarase o xogo que será o outro acto do día; ademais da manifestación nacional polas rúas de Compostela. Habemos seguir atentos aos preparativos e novidades que se vaian coñecendo de aquí á data en cuestión.
Pola súa banda Causa Galiza, a plataforma que vén sendo referencia no abano do movemento independentista dende hai varios anos xa, estase a reactivar e comeza xa a campaña de cara ao 6 de Decembro. Esta semana estanse a celebrar un total de 11 asembleas abertas noutras tantas comarcas de Galiza. As reivindicacións, lonxe de mudar, acentúanse nestes tempos nos que o sistema demostra por si mesmo o seu rotundo fracaso. Baixo o lema “Sobre nós decidimos nós”, unha vez máis apostarase pola autodeterminación como necesidade e dereito que como Pobo temos.


Chúzao
del.icio.us