Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

23/11/2009 GMT -1

"CAIXAS: QUINTA OPCIÓN", ARTIGO DE XAVIER VENCE

augasceives @ 11:13

Sen dúbida ningunha, Xavier Vence é un dos economistas máis sobranceiros do País, ao tempo que un dos mellores analistas que podemos atopar nos medios galegos. A súa claridade e posición definida péchalle ás veces portas nos grandes altofalantes do sistema, mais é funcións dos outros, aproveitando as oportunidades da rede, espallar as claves que nos achega en cada un dos temas de maior interese para o País. A seguir reproducimos o seu último artigo, publicado en Xornal.com no que analiza a actualidade do debate que xira arredor das Caixas de Aforro galegas e no que se está a evitar sistematicamente o verdadeiro fondo da cuestión.

 

"Caixas: quinta opción

Nos últimos tempos a maquinaria do poder habelenciosamente administrado pola gran banca está construíndo un gran consenso entre o Goberno e PP, cuxa man executora é o Banco de España. Por detrás do ruído de Gürtel, Alakrana e outras mascaradas que entreteñen a cidadanía cun espectáculo de batalla política aparentemente sanguinaria, estamos asistindo en realidade ao máis grande consenso –ou confabulación– no asuntos que realmente afectan ao reparto da crise e á marcha da nosa sociedade a medio e longo prazo. O consenso na aprobación do FROB e as axudas á banca non son máis que o botón de mostra dun consenso que abrangue a vital Lei de comercio interior, as leis “paraguas” e “omnibus” de Servizos (transposición da directiva Bolkestein: ¿alguén se enterou do seu debate?), que arrasan as competencias autonómicas e poñen os mercados a disposicón das grandes empresas e cadeas comerciais; a supresión do imposto do patrimonio; a cuase supresión do imposto de transmisión e sucesións; a lei de participación do capital privado nas infraestruturas e servizos públicos; etc.

A estas alturas está bastante claro que o obxectivo do vapuleo ás caixas non é un problema técnico senón un gran consenso –mal disimulado– do poder financeiro e os partidos centrais para redeseñar o sistema financeiro nun triple sentido: a) Sacar ás CC AA do medio inhabilitando de facto a súa xurisdicción sobre as caixas; b) Recortar a implantación das caixas para reducir o seu protagonismo e devolverlle espazo e negocio á banca; e c) A medio prazo converter as caixas en entidades con accionistas e reparto de dividendos, abrindo novas oportunidades para a banca. Pobre e miserable papel é o que lles toca ás franquicias dos dous partidos estatais para xustificar o inxustificábel.

En vez de dicir iso con claridade proclámase a indemostrada necesidade de fusionar caixas como un axioma, na mellor tradición tatcheriana: there is not alternative. Primeira trampa, non se demostra a inviabilidade das caixas por separado. Segunda trampa, todas deben fusionar para ser “alguén” no mapa español pero, ¿por que a escala ten que ser a española?. O éxito do sistema alemán asenta sobre as súas profundas raíces “rexionais” e non saen a competir fora. Terceira trampa, na medida en que algunhas entran no xogo “forzan” ás demais a seguir a mesma senda.

O certo é que diante da vertixe dese movemento browniano as opcións que están en xogo en Galicia parecen ser catro: seguir como agora, fusión intragalega, absorción extragalega ou SIP. Ninguén foi quen até agora de demostrar que a primeira non sexa a que mellor responde aos intereses da nosa economía produtiva e do país. Pensando na fortaleza do noso sistema financeiro é bastante claro que iso é o que máis interesa aos aforradores, aos demandantes de crédito e ás nosas pemes, como veño insistindo nos últimos meses. Nunha axeitada xestión de escalas está a fortaleza dun sistema, cunha verdadeira malla de entidades. Desde logo, non hai un “sistema galego” cunha “única” entidade galega e menos sen ningunha.

Se a desculpa fose que unha das entidades non é viábel en solitario entón aínda temos unha quinta opción: mudar a equipa directiva, desfacer posicións e aumentar o “core capital” con cotas participativas subscritas pola Xunta de Galiza e as Deputacións. Unha solución á alemana.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis