Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

07/12/2009 GMT -1

A AUTODETERMINACIÓN COMO POSIBILIDADE NECESARIA EN GALIZA

augasceives @ 15:10

Como elemento característico que é do País, a choiva non quixo faltar nos actos que Causa Galiza programou para onte en Compostela. Como contestación á Constitución española no día do seu aniversario, como rexeitamento ao texto que nega os nosos dereitos nacionais, a plataforma que abrangue as entidades da esquerda independentista galega encheu de reivindicación as rúas da Capital galega baixo a intensísima choiva que asolagou as pedras das vellas rúas compostelás. Sen a presenza policial que é habitual nestas convocatorias ou en calquera acto dos movementos sociais galegos, o día transcorreu sen incidentes.

 

Coa bandeira da reivindicación do dereito de autodeterminación sempre por diante, Causa Galiza pretende achegar á sociedade unha explicación pedagóxica das vantaxes que reportaría para o pobo galego. A edición de material explicativo e todo o traballo de base sempre autoxestionado apuntan sempre cara o horizonte de consolidar o debate e normalizalo entre a sociedade, convencidos e convencidas de que a autodeterminación suporía a porta de entrada a moitas solucións que precisamos urxentes.

Malia a evidente fraqueza que polo momento pode amosar o independentismo galego no referido a capacidade mobilizadora se a comparamos con outros movementos soberanistas de Europa, a autodeterminación como dereito fundamental dos pobos comeza a deixar de ser tabú. Variadas iniciativas indican que o concepto de Estado imperial fede e sobra a estas alturas do século XXI. O referendo soberanista do vindeiro ano en Escocia, a persistente loita da esquerda abertzale en Euskal Herria ou as iniciativas cidadás coa convocatoria de referendos en Catalunya falan de pobos vivos e activos non conformes cos xugos que teñen sobre si mesmos.

Neste recanto da vella Europa, as tentativas de autoorganización botan pé ao camiño fixándose nesoutros pobos que partiron antes, mais coa personalidade propia de coñecérmonos e sabermos das nosas propias características e necesidades. A consolidación da data do 6 de Nadal polo que ten de simbólico como día de contestación ao xugo Español deu onte un paso máis e, aínda que en capacidade mobilizadora non se poden tirar moitas conclusións definitivas, si que se pode valorar positivamente a mellora da organización interna malia todas as dificultades externas. A xornada completouse cun xantar popular ao que seguiron actuacións musicais que xa de noite puxeron fin a un duro día de choiva, loita e compromiso.

Nesta ligazón facilitamos a crónica da xornada de GzVídeos.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis