Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

# Augas Ceives

pola nosa lingua_en pé

29/12/2009 GMT -1

URXENCIAS NECESARIAS

augasceives @ 14:13

Urxente: Mércores 30 de Nadal, ás cinco da tarde na Praza do Obradoiro (Compostela) 

A determinación exterminadora da Xunta de Feijóo non se detén por vacacións. Ao igual que fixera con outras decisións (como a supresión das Galescolas, a propia derrogación do “Decreto do galego” ou do Concurso Eólico), aproveita períodos de vacacións para asestar golpes e máis golpes á identidade propia e colectiva deste País. Logo de anunciar que o novo decreto que vai substituír ao 124/2007 se daría a coñecer antes de ter rematado este ano, e a medida que se esgotan os días, dáse por feito que mañá 30 de Decembro será a data escollida para a presentación da infamia lingüística en forma de normativa legal. Mais se algo ten demostrado a sociedade galega durante este ano que xa remata, fronte ás dificultades máis inimaxinábeis, é a determinación de seguir resistindo fronte á ofensiva de Feijóo e os seus sicarios.

A plataforma cidadá Queremos Galego, impulsora da meirande manifestación en defensa da nosa lingua que se recorda en Galiza, fixo xa un chamamento a dar reposta inmediata a esta nova e vil agresión que vai ser o novo decreto que regule e minimice o uso do idioma no ensino. Garantir que a lingua minorizada e perseguida teña unha presenza mínima do 50% na educación é o máis puro bilingüísmo que do que se pode falar, sendo aínda así unha porcentaxe cativa para as necesidades e a realidade social que coñecemos.  Sendo iso foi o que fixo o anterior goberno bipartito da Xunta, o novo Goberno antigalego de Feijóo emprendeu unha ofensiva brutal contra tal decisión centrando aí a súa prioridade no tempo que leva ocupando as dependencias de San Caetano.

No chamamento de urxencia que fai a plataforma e que é compartido pola maioría consciente que neste país xa respondeu e o fará unha e outra vez, emprégase unha frase que achamos que é a razón que explica a necesidade de volver á rúa: “Todo proceso normalizador da lingua propia debe ser algo progresivo, polo que calquera medida involutiva vai supor un dano irreversíbel para o galego no noso sistema educativo”. Sabendo xa de antemán que o PP reducirá ese 50% de presenza mínima é doado de entender que malia a urxencia da convocatoria, é preciso un esforzo para estarmos todos e todas mañá, 30 de Nadal, na Praza do Obradoiro ás cinco da tarde.

Vai ser unha primeira demostración de que a cidadanía galega vai enfrontarse a Feijóo e ás súas decisión exterminadoras custe o que custe. Anunciada hai xa unha folga no ensino para mediados do mes de xaneiro da que se irán concretando aspectos e da que iremos coñecendo máis.

Comentarios non permitidos para este Post

Arquivo | ¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis